E se o problema non fose que non queren ler?
«Profe, canto queda?»
Hai preguntas que aparecen sempre.
Esta é unha delas.
O libro leva dúas semanas sobre a mesa, temos unha lectura marcada, unha data no calendario e, en algún momento da clase, alguén mira a páxina e pregunta canto falta para chegar ao final.
E entón aparece a dúbida:
Realmente temos un problema de lectura? Ou quizais estamos pedindo ao alumnado que lea sen darlles demasiadas razóns para querer seguir lendo.
Neste artigo non vas atopar unha lista de actividades para «animar á lectura».
Vas atopar algo máis sinxelo: unha forma diferente de mirar as lecturas que facemos na aula.
Ler porque toca.
Diariamente temos pouco tempo, hai que cumprir unha programación, traballar competencias, avaliar, corrixir, explicar contidos…
E a lectura acaba entrando ás veces nunha secuencia bastante coñecida:
libro → data → lectura → preguntas → exame.
Funciona?
Pode funcionar… para determinados grupos e situacións, pero esa estrutura non garante por si soa que o alumnado estea implicado na lectura.
Porque hai unha diferenza enorme entre:
«Le este capítulo» e «descubre por que o protagonista tomou esa decisión.»
No primeiro caso, a lectura é a tarefa, no segundo, a lectura é o medio para resolver algo, e esa pequena diferenza pode cambiar a maneira de entrar no texto.
Non lles deas a resposta. Dálles unha pregunta ou tarefa:
- Busca a pista: localiza unha información que poida ser importante máis adiante.
- Predí o que vai pasar: formula unha hipótese e xustifícaa co texto.
- Descubre o segredo: identifica algo que un personaxe oculta.
- Toma unha decisión: escolle que farías ti e compárao co protagonista.
Esta é unha das posibilidades que máis xogo pode dar na aula.En lugar de tratar a novela como unha sucesión de capítulos, podemos tratala como un expediente que hai que resolver:
- Un personaxe di algo. Podemos crelo?
- Acontece algo aparentemente casual. Seguro que o é?
- Unha relación cambia. Cando comezou a pasar?
- Aparece unha información nova. Que cambia agora na historia?
5. Interroga os personaxes: prepara preguntas e respostas baseadas no texto.
6. Recolle evidencias: selecciona citas ou momentos que demostren unha interpretación.
7. Resolve o caso: reconstrúe o que aconteceu e presenta a túa explicación final.
E cando un alumno afirma: «Eu creo que o fixo porque…» podemos facer unha pregunta moi sinxela: «Onde o ves no libro?» A conversa cambia inmediatamente.
Xa non estamos preguntando simplemente que lles pareceu. Estamos pedindo que interpreten e busquen evidencias. É unha modificación pequena. Pero cambia o tipo de conversación que pode aparecer despois. A cuestión non é facer preguntas máis difíciles, é facer preguntas que obriguen a volver ao texto. Porque aí está a lectura.
E ás veces, cando traballamos unha obra literaria en Lingua Galega, podemos caer na tentación de utilizar o libro simplemente para comprobar comprensión.
Pero unha lectura tamén nos permite entrar na lingua:
- Unha palabra que non coñeciamos.
- Unha expresión que nos chama a atención.
- Unha forma de falar dun personaxe.
- Un diálogo que nos dá pé para falar.
- Unha maneira particular de contar.
Porque se queremos que o alumnado lea en galego, tamén queremos que descubra algo moi sinxelo: o galego é unha lingua para vivir non é só a lingua da explicación, do exercicio ou do exame. É tamén a lingua na que podemos descubrir un personaxe, rirnos, enfadarnos, emocionarnos…
Non temos que cambiar a nosa maneira de traballar as lecturas de arriba abaixo. Quizais necesitemos conseguir que teñan algo polo que aproximarse ao que len.
Queres probar esta idea na túa próxima lectura?
En Lingoretas preparei 7 retos lectores para transformar unha lectura obrigatoria nunha experiencia de investigación, interpretación e descubrimento. Son propostas pensadas para adaptar a diferentes obras e levar directamente á aula.
