Nati — Profesora de Lingua Galega e Literatura. Creadora de Lingoretas.
Levo anos na aula vendo o mesmo: contido ben preparado, alumnado desconectado.
O que cambiou as cousas para min foi deixar de pensar en «actividades» e empezar a pensar en mundos: historias completas que acompañan o alumnado un curso enteiro, non fichas soltas sen fío condutor. Así naceron Estelaris, Cerna, LitLab e LinguaLab — sistemas diferentes e completos, cada un coa súa propia iconoloxía e a súa propia lóxica.
Traxectoria
Actualmente son profe no IES Mestre Landín, en Marín. E este curso 2026/2027 decidín compartir a miña experiencia de aula coa intención de intercambiar información.
A miña formación é multidisciplinar: son licenciada en Filoloxía Galega e en Comunicación Audiovisual e doutora en Psicoloxía Evolutiva e da Educación. Esa combinación —lingua, comunicación e como aprende realmente o cerebro— é a base de como deseño cada sistema.
Por que Lingoretas
Cada sistema responde a unha necesidade distinta segundo a idade e o momento do alumnado: non é o mesmo motivar a un rapaz de 12 anos que chega de novo ao instituto que a alguén que xa está a piques de rematar a ESO ou Bacharelato. Por iso uso sistemas diferentes, e non un só molde repetido en cada curso.
Detrás hai anos deseñando isto na aula real, axustando o que non funcionaba. Lingoretas é iso, posto en orde e compartido.
Fóra da aula
Gústame a natureza, o silencio, os animais e o pracer dun café á sombra dunha árbore, gozando da familia. Gústame ler e escribir —espero poder dedicarlle tempo e conciencia algún día—. E encántame escoitar historias, de vellos e de mozos, de toda a xente que teño preto.
