Innova, avalía por competencias, fomenta a curiosidade.
Cumprir a lei non é o obxectivo. É o punto de partida.
Dende 2022 o currículo galego (Decreto 156/2022) pide avaliar por competencias, non só por contidos. Pero escribir «situación de aprendizaxe» en vez de «unidade didáctica» non cambia nada se por dentro segue habendo o mesmo exame de sempre: unha soa proba, un só día, que decide toda a nota. A pregunta que me fago non é como cumprir o decreto — é como facer que iso signifique algo real na clase, día a día.


A proposta: Cerna
En Cerna a nota reflicte capacidades distintas — comprensión, produción escrita, oral, traballo continuado — porque non son a mesma cousa medida catro veces baixo formatos diferentes. Un exame só amosa como escribe un alumno nun día concreto, baixo presión, sobre un tema pechado. Non amosa se sabe defenderse falando, se traballa con constancia semana a semana, se le e entende o que le.
Non é o único xeito de facelo — é o que a min me funciona para que a nota final se pareza máis a como é realmente ese alumno coa lingua, e non só a como lle foi un mércores ás nove da mañá.
Un exemplo concreto
Un/ha alumno/a de con dificultades para expresarse por escrito, pero que traballa con constancia e participa ben na aula, pode aprobar Cerna con solvencia aínda que a proba escrita non lle saia moi ben. Nun sistema de «só conta o exame», ese mesmo alumno suspendería a materia mentres progresa realmente na lingua curso adiante. Non se trata de «regalar» nota — trátase de medir mellor onde está cada quen, con instrumentos distintos para cousas distintas.
Por que o fago así
Porque o alumnado esquece rápido o que aprende sen ver para que lle serve. Se o contido chega porque toca, esquéceo. Se chega porque o necesita para resolver algo — un Anel, un reto, unha situación con sentido — quédalle. E o mesmo pasa coa avaliación: un exame único mide se o alumnado reproduciu contido nun momento illado, non se aprendeu a lingua para usala. Isto conecta co que xa contei en neurociencia — non son piares soltos, sosteñen a mesma idea desde ángulos distintos.
Marco legal: Decreto 156/2022, do 15 de setembro (modificado polo Decreto 117/2023), desenvolvido pola Orde do 26 de maio de 2023, que regula a avaliación na ESO en Galicia.
